viernes, mayo 08, 2015

VISITAMOS CAMBRE

















O pasado 28 de abril, os alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO, acompañados por Mónica e Emilia, visitamos a igrexa románica de Santa María de Cambre e as termas romanas que se atopan no museo da mesma localidade. Como outros anos, o guía, Moncho, explicounos de xeito moi ameno, todo o relacionado coa igrexa e as escavacións. 
  A igrexa é un fabuloso exemplo de igrexa románica de peregrinación, como a catedral de Santiago en pequeniño. Chamáronnos a atención os seus cinco absidiolos e a riqueza decorativa e simbólica da súa fachada, que o guía nos explicou de xeito interactivo, pois tivemos ocasión de demostrar os nosos coñecementos de arte románica.

 













As termas son parte dunha antiga vila romana e, aínda que só se conserva o frigidarium (piscina de auga fría), coas explicacións de Moncho puidemos facernos unha idea de como sería o complexo. Tamén se conserva o espazo das latrinas e coñecimos cousas moi curiosas sobre os costumes dos romanos. De verdade que vivían ben, sobre todo os patricios.



  Despois destas visitas no centro do pobo, marchamos a Cecebre, á casa-museo de Wenceslao Fernández Flórez, onde chegamos ás doce da mañá, xusto á hora prevista.

 Alí fixemos dous grupos e fomos visitando as distintas dependencias da casa, coas lembranzas familiares do xornalista e escritor coruñés: colección de fotografías do seu veraneo no lugar, libros, revistas, obxectos de escritorio, e ata unha máquina de liar cigarros.


  Xa no xardín, subimos á zona na que se conserva unha pequena mostra do bosque de Cecebre, no que o autor se inspirou para   escribir a obra "O BOSQUE ANIMADO", tamén levado ao  cine. 

    Rematamos xogando ao crocket, actividade que Wenceslao e a súa familia practicaban nas tardes veraniegas.                                                                                                                    
             A casa pertence á Fundacion Wenceslao Fernández Flórez e ofrece moitas actividades, incluso fins de semana.








No hay comentarios: