Hoxe aproveitamos esta data para conmemorar a figura de Rosalía de Castro lendo algún dos seus poemas, proxectando poemas musicados e escoitando falar aos membros do noso club dos motivos polo que foi tan relevante a voz desta poeta nunha época en que a muller, e tamén, o galego non gozaban de todas as libertades que deberían.
Airiños, airiños, aires
Airiños, airiños, aires,
airiños da miña terra,
airiños, airiños, aires,
airiños levaime a ela.
Sin ela vivir non podo,
non podo vivir contenta,
que a donde queira que vaia
cróbeme unha sombra espesa.
Cróbeme unha espesa nube
tal preñada de tormentas,
tal de soidás preñada
que a miña vida envenena.
Levaime, levaime, airiños,
como unha folliña seca,
que seca tamén me puxo
a callentura que queima.
¡Ay! si non me levás pronto,
airiños da miña terra,
si non me levás, airiños,
quisais xa non me conesan,
que a frebe que de min come
vaime consumindo lenta,
e no meu corazonciño
tamén traidora se ceiba.
[…]
Levaime, levaime, airiños,
levaime a donde espera
unha nai, que por min chora,
un pai que sin min n´alenta,
un irman por quen daría
a sangue das miñas venas,
e un amoriño, a quen alma
e vida prometera.
Si pronto non me levades
¡ay! morrerei de tristeza,
soia, nunha terra estraña
donde estraña me alomean,
donde todo canto, miro,
todo me dice ¡Estranxeira!
¡Ay! miña probe casiña!
¡Ay! miña vaca vermella,
años que balás nos montes
pombas qu´arrulás nas eiras,
mozas que atruxás bailando
redobre das castañetas,
[…]
¡Ai! quen fora paxariño
de leves alas lixeiras
¡Ai! con que prisa voara
toliña de tan contenta,
para cantar á alborada
nos campos da miña terra!
Agora mesmo partira,
partira como unha frecha,
sin medo as sombras da noite,
sin medo a noite negra;
e que chovera ou ventara,
e que ventara ou chovera,
voaría, voaría
hasta que alcansase a vela.
Pero non son paxariño
e irei morrendo de pena,
xa en lagrimas convertida,
xa en sospiriños desfeita.
[…]
Non permitás que aquí morra,
airiños da miña terra,
que inda penso que de morta
hei de sospirar por ela.
Aínda penso, airiños, aires,
que dimpois de morta sea
e aló polo campo santo,
donde enterrada me teñan,
pasés na calada noite
runxindo antre a folla seca,
ou murmurando medrosos
antre as brancas calaveras;
inda dimpois de mortiña,
airiños da miña terra,
Heivos de berrar: “ ¡Airiños,
airiños, levaime a ela!