martes, mayo 24, 2016

CONCURSO DA BIBLIOTECA

                   CONCURSO DA BIBLIOTECA - SEMANA 11


  Desde o Concurso da Boblioteca do IES Catabois queremos contribuír, coa nosa pequena homenaxe, á celebración do 400 aniversario da morte de D. Miguel de Cervantes , autor da obra máis destacada da literatura española e figura recoñecida como un dos grandes da literatura universal.


1-Cal é o título desta importante obra?

2-O libro ten dúas partes: a primeira , publicada en 1605 co título..................................
    e a segunda, publicada en 1615, co título....................................................

3-Nesta obra aparecen diversos animais, pero os máis famosos son tres:
  -Rocinante é o cabalo de............................
  -Rucio é a montura de................................
  -Galgo é....................................................

4-Completa a información sobre D. Miguel de Cervantes:
  -Naceu en..................................no ano................... e morreu en......................no ano................

5-A este autor coñecémolo tamén por dous sobrenomes:
  -Un ten que ver coa realeza porque leva a palabra PRÍNCIPE, aínda que se refire á realeza da Literatura.
    Cal é o sobrenome?

  -O outro ten que ver cunha desgraza que lle sucedeu nunha famosa batalla contra os turcos. Cal é ese sobrenome?                                                                     




                                                       RESPOSTAS

1-El Ingenioso Hidalgo D. Quijote de la Mancha.
   Segunda Parte del Ingenioso Caballero D. Quijote de la Mancha.

2-Rocinante é o cabalo de D. Quijote.
   Rucio é a montura de Sancho Panza.
   Galgo é o canciño galgo corredor de D. Quijote.

3-Cervantes naceu en Alcalá de Heneres no ano1547 e morreu en Madrid no 1616.

4-Sobrenomes: Príncipe dos Enxeños e Manco de Lepanto.

                O GRUPO GAÑADOR DA SEMANA FOI :  PENSADORES
                                NORABOA!!!!!!!!!

viernes, mayo 20, 2016

MANUEL MARÍA VIVO NO NOSO ALUMNADO

Seguimos e seguiremos celebrando todo o ano as Letras Galegas. 

Deixámosvos un poema de Carla Gago de 3º ESO inspirado nos poemas que Manuel María lle dedicou a Galicia.

Galicia miña terra,
miña terra doce e limpa,
miña terra que perde a súa xente e a súa lingua.

Galicia nosa terra,

nosa terra forte e viva,
nosa terra que nos trae orgullo e alegría.

Galicia querida,

Galicia perdida,
Galicia ben vella,
Galicia adorada.

Galicia non esquece os defensores da fala:

Galicia de Rosalía,
Galicia dos Cantares,
Galicia de Manuel María,
e dos emigrantes.

Galicia dos nosos bisavós,

Galicia dos nosos avós,
Galicia dos nosos pais,
que agora nos pertence a nós.

Galicia lembrarémoste

nos bos e malos momentos.
Galicia coidarémoste
pola honra dos nosos ancestros. 

Fermoso, non si?
Veleiquí tedes o "Galicia" de Manuel María.

Galiza

Galicia docemente
está ollando o mar:
¡ten vales e montanas
e terras para labrar!

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
¡cargados de traballo
cargados de trafegos!

Galiza é unha nai
velliña, soñadora:
¡na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galiza é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
¡Pro hai outra Galiza
que vai no sentimento!

Galiza somos nós:
a xente e mais a fala
¡Si buscas a Galiza
en ti tes que atopala!



Gozade coa poesía da vosa compañeira Carla.
Agardamos máis poemas.



jueves, mayo 19, 2016

EDUARDO HERMIDA E AS MENINAS DE CANIDO NO IES DE CATABOIS

A cidade ten castelo
e muralla medieval,
o museo ¡hai que velo!,
e unha rúa principal.
¡Qué conxunto tan fermoso
con igrexas e xardís
e cun río caudaloso
veireado de xasmís...!

A cidade ten cafeses,
whiski-clubs e polución,
cementerio con cipreses
e un fermoso Malecón.

A cidade ten escolas
e ten cines e teatros.
¡Ten douscentos parvacholas
e trescentos maragatos!
A cidade nunca tivo
nin industria ou desenrolo.
¡Soio un comercio cativo
e o seu consabido tolo...!

A cidade ten paseos,
barrios vellos, arrabais,
chabolismo, rañaceos
e gardas municipais.

A cidade ten castelo
e muralla medieval,
o museo ¡hai que velo!,
e unha rúa principal.
¡Qué conxunto tan fermoso
con igrexas e xardís
e cun río caudaloso
veireado de xasmís...!

A cidade ten paseos,
barrios vellos, arrabais,
chabolismo, rañaceos
e gardas municipais.

Manuel María. Os soños na gaiola, 1968

E diredes vós, que ten que ver Manuel María con Eduardo Hermida e o seu proxecto das Meninas de Canido? Pois hai relación entre os dous artistas, si, fixádevos. O poeta homenaxeado este ano para o Día das Letras cántalle á cidade de Lugo. Se lle cantase á cidade de Ferrol, o seu poema, sen dúbida, remataría con versos parecidos a estes:

A cidade ten paseos,
barrios vellos, ten Canido,
e as Meninas do Eduardo
que o enchen de colorido.

Querédeslle outra rima? "que o fan moi ben coñecido"E tan coñecido, e distinguido e requerido  converteu Eduardo o seu barrio que ata na Ucraína saben onde está Ferrol polo proxecto deste pintor, bo e xeneroso, que está a espallar Canido polo mundo enteiro. O venres pasado tivemos o privilexio de escoitarlle contar a Eduardo Hermida o punto de partida desta historia. Contounos tamén como en Madrid queren imitar a xenialidade da periferia, e que en breve o departamental Canido e o cascarilleiro barrio de Monte Alto da Coruña serán irmáns. Actualmente andan a espera de que o roteiro das Meninas de Canido apareza catalogado no Itinerario Cultural Europeo. Hoxe fomos ao pé de paredes e valados polas rúas do barrio vendo parte desas 300 Meninas pintadas, esculpidas, grafiteadas polos centos de artistas que cada primeira fin de semana de setembro acoden á cita para deixar a súa impronta en Canido. Deixámosvos coas imaxes destes dous días. 

Cal credes vós que é a Menina preferida do Equipo de Dinamización da Lingua? 

E a Menina preferida da Biblioteca? 


Pensade na temática deste ano: "Libros e outros animais de compañía".

Atrevédesvos a refacer o poema de Manuel María pero tendo como referencia Ferrol e conservando a estrofa que lle engadimos nós? Entregádenolo a calquera do departamento de Lingua Galega ou da Biblioteca e entraredes dentro dos concursos que temos para celebrar este mes das Letras








































Lembrades que significaba o "M" pintado nas paredes?

E se queredes escoitar o poema de Manuel María musicado por Magín Blanco e Uxía Senlle, aquí volo deixamos. Gozade coa arte, coa lectura da obra de Manuel María e coa música.