O ANO CUNQUEIRO

O legado literario de Álvaro Cunqueiro abrangue todos os xéneros literarios: extraordinario poeta desde a súa xuventude, precursor do realismo máxico nas súas obras narrativas e creador dun dos textos máis importantes do teatro galego. Cunqueiro foi ademais un notable xornalista e gastrónomo.
- Tres libros de semblanzas: Escola de menciñeiros (1960), Xente de aquí e acolá (1971) e Os outros feirantes (1979). Conteñen 113 relatos de personaxes, en que se nos retrata seres populares tocados polo extraordinario, incidindo todos no proceso de mitificación do humano. Xuntos conforman o grande mosaico da Galiza popular.
- Dúas novelas que recollen personaxes da literatura universal para recrialos, humanizando o mito e engadíndolles á vez un toque de humor e poeticidade: Merlín e familia (1955) e Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961) . Merlín... supuxo a primeira narración en galego de Cunqueiro e ten como personaxe principal o mago Merlín que se instala coa súa raíña dona Xenebra nun ambiente plenamente galego, en terras de Miranda, na comarca de Mondoñedo. Á casa de Merlín chegan personaxes do presente e do pasado, do máis alá e do máis acá, que lle levan a consultar algún problema que a ciencia común non pode solucionar. Sinbad ... aborda a última aventura do vello mariñeiro, tamén instalado agora en terras galegas.
- As crónicas do sochantre (1956) é a súa segunda novela e está escrita nun rexistro totalmente distinto. A obra está concibida como un xogo macabro, unha especie de pastiche humorístico das novelas góticas ou de horrores. Nárranos a estraña aventura do sochantre de Pontivy cando se dirixe a Quelven para tocar nun enterro. Na carroza que o vén recoller encóntrase con cinco personaxes, todos eles defuntos...

Animádevos e collede algún destes libros na biblioteca. Estamos seguros que Cunqueiro non vos vai defraudar.
Por último aquí tedes a última entrevista que concedeu á TVE:
Comentarios