LECTURAS PARA 3º DA E.S.O
Como sabedes o tema da nosa biblioteca deste ano é a novela detectivesca. Aquí tedes unha pequena selección de libros para que escollades (o libro de Xosé Miranda é para aqueles que gusten de emocións un pouco máis fortes) Se tedes algunha proposta para engadir a esta lista, podedes deixar un comentario. Tamén podedes deixar comentarios sobre os libros que fostes lendo e así orientades os vosos compañeiros na escolla das lecturas.
Tres anos despois de ocorridos os feitos, un ex psiquiatra cóntanos unha experiencia estarrecedora coa súa primeira paciente. Imos coñecendo por el e mais pola voz narradora de Laura Novo a historia da aparición da Gran Besta, un ser monstruoso que habita nunha cova. Confírmase así a mitoloxía do lugar, que tan ben coñece un dos traballadores da casa de turismo rural na que se veu hospedar a protagonista. A vinganza pola intromisión nese territorio alleo tronza a nova vida que, coa tranquilidade do espazo idílico e a felicidade do reencontro cun vello amor, busca a noutrora xornalista crítica en Madrid.

Tareixa Louzao recibe un voluminoso sobre remitido polo seu irmán Xabier desde un, para ela, descoñecido lugar: Doroña, Vilarmaior. No seu interior inclúese unha carta e outro sobre máis pequeno coa solapa do peche reforzada por unha fita adhesiva. Na carta Xabier indícalle á súa irmá que non abra o sobre e que, se antes dunha semana non volve a recibir unha misiva súa, llo entregue ao inspector Soutullo, da comisaría de Vigo.
Pero Tareixa non pode resistir a tentación e abre o sobre...

Esta novela conta cunha longa andadura na narrativa galega desde que en 1984 ganara o Premio Xerais para converterse na primeira novela negra nun sistema literario entón necesitado de textos de carácter popular.
A trama novelesca reúne elementos clásicos do relato de intriga asimilados á sociedade galega do último terzo do século XX. Un empresario da construción, millonario e mulleriego compulsivo, morre asasinado na noite compostelá. A investigación corre a cargo de Nivardo Castro, aventureiro internacional. Axiña se descobren os amores e adulterios protagonizados por dous antigos socios do negocio inmobiliario.





A trama xira arredor do asasinato do parlamentario do BNG Mario Dacosta ( militante da UPG) despois da reunión do Consello Nacional na que dimite o portavoz da formación frontista, Óscar Quiroga, tras o resultado electoral no que o bipartito perde as eleccións. Algúns personaxes desta historia son composicións ficticias elaboradas a partir de persoas reais moi presentes na actual axenda política galega.
Comentarios