martes, marzo 10, 2009

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


Con motivo da obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, por parte do escritor galego Agustín Fernández Paz, pola obra O único que queda é o amor, a profesora Pilar Berrio suxeriunos a idea de traballar un bocadiño a súa extensa e magnífica produción.

Sen o pensar dúas veces, puxemos en funcionamento a maquinaria; e a imaxinación de alumnos de primeiro, de terceiro e de cuarto curso da ESO voou rapidamente cara ao obxectivo por perfilar. Axiña, e ao segundo día entregábanse xa con verdadeiro afán naquilo que artellaran.

Así pois, e do seu bo facer, foron nacendo uns interesantes paneis informativos, profusa e ricamente decorados sobre cartolinas. Neles, e tendo como elemento central unha breve sinopse de todas e cada unha das súas obras, cada cartaz foi recreado con distintos deseños e debuxos de moi diverso feitío. As capas dos libros do escritos chairego (41 no seu total) serviron tamén para completar a ilustración como elemento orientativo. Pegados logo sobre un cartón do mesmo tamaño e para lles dar consistencia, foron nacendo cadros ou láminas bifaces.

Dúas caixas de cartón, a modo de cubos, viñeron completar aínda a outra parte da exposición. As caras de cada un dos poliedros foi ocupada por novos cartaces da mesma natureza que os anteriores. De forma que estes, xunto cos confeccionados en tamaño de cartolina, deron por concluída a realización plástica da parte expositiva.

Agora, e pendurados de dous cordellos coma quen estende roupa para secar, rapazas e rapaces teñen os seus carteis á vista da comunidade escolar, no noso vestíbulo; e o par de cubos, depositados no chan para que poidan ser observados e lidos libremente por quen así o queira facer. Trátase dunha sorte de móbiles, os cales facilitan o achegamento, de xeito lúdico, á obra do autor.

Nun plano distinto xa, e considerando que dúas das súas obras son lidas por parte do alumnado durante este curso 2008-2009, aproveitaremos para facer unha breve aproximación á súa lectura. Estamos a falar de O raio veloz, lido polos alumnos de 1º, e Aire negro, lido polos de 3º. Con motivo da celebración do Día do Libro, que terá lugar no mes de abril, dous grupos pertencentes aos devanditos cursos farán unha exposición comprensiva de ambas as lecturas. É posíbel tamén, e dado que Cartas de inverno se marcou como libro de lectura en varios anos consecutivos, se poida igualmente sumar á celebración do Día do Libro

No hay comentarios: