miércoles, noviembre 30, 2011

MÁGICO BOSQUE


Xigantescos olmos, mirtos
Que brancas frores ostentan,
Uhnas con cogollos inda,
Outras que o vento esfollea.
uxos que xa contan sigros
E que xuntos verdeguean
Formando de rama e troncos
Valos que naide atravesa,
E nos que moi descansadas
Fan o seu niño as culebras.
Loureiros, irmáns dos buxos
Pola altura i a nacenza,
Pois arraigaron a un tempo
No mais profundo da terra.
Limoeiros e laranxos
Que o verde musgo sombrean
I olido esparcen de azare
Con que a xente se recrea.
Eternos bosques en donde
Sombrío misterio reina,
Onde só os paxaros cruzan
Polas tristes alamedas
Onde ó marmular as fontes
Un coidara que se queixan,
I onde o mesmo sol do estío
Melancólico penetra.
I en medio desta espesura
E desta hermosa tristeza,
Nunha casa inda máis triste,
Si de fachada soberba,
Alí din que tén o niño
A nai de tódalas meigas:
Casa con portas de cedro,
En cada ventana reixa,
Cociña coma de monxes,
Silencio coma de igrexa,
Criados que non dan fala,
Cans que morden como feras.
Alí a viron negra e fraca
Coma unha gata famenta,
No máis san e máis frorido
Da hermosa terra galega.
I estes mals que nos afrixen
Din que todos veñen dela...
¡Mais socede nesta vida
Que os que tén culpa na levan!


Rosalía de Castro (1837-1885). Follas Novas. 1880.

No hay comentarios: