DÍA MUNDIAL DA POESÍA
O pasado luns, 21 de marzo, celebrouse en todo o mundo o día mundial da poesía (a data coincide co equinoccio de primavera). En Galicia as celebracións estiveron centradas na figura de Lois Pereiro, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. O Pen Club de Galicia e o Consello da Cultura Galega organizaron un acto conxunto con lecturas de poemas deste autor onde participaron escritores como Manuel Rivas, Marilar Aleixandre, Roberto García Bodaño, Luísa Castro...
Esta conmemoración, de carácter internacional, está organizada pola Unesco e na devandita homenaxe leuse tamén unha carta de Irina Bokova, a súa directora xeral.
Como pequena aportación reproducimos aquí un dos poemas de Pereiro:O corredor de fondo perde o alento
Fuxindo dunha vida inzada de renuncias
da súa liturxia obesa e oleosa,
mediocre nos seus comunais fracasos,
bágoas de xelo, indignación contida
non deu chegado a tempo de exercer
a súa rebelión,
nin de levar a cabo
a súa vinganza definitiva
contra un mundo inxusto, homicida, e cruel,
pola inutilidade da súa propia vida
solitario, enfermo e fatigado,
a morte anticipouse e chegou antes.
outono 95
De "Poesía última de Amor e Enfermidade 1992-1995" de Lois Pereiro
Comentarios
No debería haber día mundial de la poesía sino que todos los días de nuestra vida fueran la celebración de este gran arte que mantiene a la humanidad unida por las letras.