miércoles, marzo 02, 2011

O ANO CUNQUEIRO

Este ano cúmprense cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro ( Mondoñedo 1911/ Vigo 1981). Un numeroso programa de actividades homenaxea desde o pasado 28 de febreiro ata decembro ao escritor mindoniense. O calendario de actividades arrincará en Vigo e un dos retos dos organizadores é trasladar as historias do autor á rúa. Co mes de marzo chegará a Santiago unha exposición itinerante que enxalzará a figura do intelectual non só como escritor, senón como xornalista e gastrónomo. A mostra percorrerá as cidades de A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Vigo.
O legado literario de Álvaro Cunqueiro abrangue todos os xéneros literarios: extraordinario poeta desde a súa xuventude, precursor do realismo máxico nas súas obras narrativas e creador dun dos textos máis importantes do teatro galego. Cunqueiro foi ademais un notable xornalista e gastrónomo.
Na nosa biblioteca podedes atopar algunhas das súas obras máis representativas:
- Tres libros de semblanzas: Escola de menciñeiros (1960), Xente de aquí e acolá (1971) e Os outros feirantes (1979). Conteñen 113 relatos de personaxes, en que se nos retrata seres populares tocados polo extraordinario, incidindo todos no proceso de mitificación do humano. Xuntos conforman o grande mosaico da Galiza popular.
- Dúas novelas que recollen personaxes da literatura universal para recrialos, humanizando o mito e engadíndolles á vez un toque de humor e poeticidade: Merlín e familia (1955) e Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961) . Merlín... supuxo a primeira narración en galego de  Cunqueiro e ten como personaxe principal o mago Merlín que se instala coa súa raíña dona Xenebra nun ambiente plenamente galego, en terras de Miranda, na comarca de Mondoñedo. Á casa de Merlín chegan personaxes do presente e do pasado, do máis alá e do máis acá, que lle levan a consultar algún problema que a ciencia común non pode solucionar. Sinbad ... aborda a última aventura do vello mariñeiro, tamén instalado agora en terras galegas.
- As crónicas do sochantre (1956) é a súa segunda novela e está escrita nun rexistro totalmente distinto. A obra está concibida como un xogo macabro, unha especie de pastiche humorístico das novelas góticas ou de horrores. Nárranos a estraña aventura do sochantre de Pontivy cando se dirixe a Quelven para tocar nun enterro. Na carroza que o vén recoller encóntrase con cinco personaxes,  todos eles defuntos...
- Herba de aquí ou acolá (1980), recolle a produción poética de Cunqueiro posterior a 1950, espallada en numerosas revistas, e constitúe un dos volumes que máis influíron no desenvolvemento da poesía galega contemporánea. Nel establece unha fonda reflexión sobre a identidade humana.

Animádevos e collede algún destes libros na biblioteca. Estamos seguros que Cunqueiro non vos vai defraudar.

Por último aquí tedes a última entrevista que  concedeu á TVE:

No hay comentarios: