Neste mes de maio predominan as nubes no IES de Catabois.
Primeiro achegáronse polo centro os Nimbos de Xosé María Díaz Castro que cubriron o instituto dun xeito especial o pasado 16 de maio.
Onte, Andrea Maceiras, tróuxonos desde o leste Nubes de evolución.
(Non, Andrea non é a da portada. Preguntádelles aos de 3º e 4º da ESO quen é esa moza de ollar celeste.)
A autora xa estivera coa rapazada de 1º e 2º da ESO falándolles do Segredo do lagarto arnal.
Desta volta tocáballes aos do segundo ciclo da ESO escoitar como Andrea lles explicaba, experta como é en meteoroloxía literaria, cal foi o proceso da formación de Nubes de evolución.
Falounos do frío que vai nas estacións de autobuses e das vidas que podemos imaxinar dos seus transeúntes. Falounos de cine, de arte, de pintadas, da "Angie" dos Rolling Stones... e da Ánxela que gustaba especialmente desta canción e que é o nó que enlaza a Amanda, o Uxío, o Luís e o resto dos personaxes.
Non me digades que aínda non escoitastes "Angie"? Non a coñecedes? Velaí vos vai. Todo un clásico. Localizade a pintada:
when will those clouds all disappear
Andrea revelounos por que elixiu esta canción. Pero nós, coma ela tamén preferimos os versos de Cantares gallegos da nosa Rosalía:
"Cóbreme unha espesa nube
tal preñada de tormentas
tal de soidás preñada
que a miña vida envenena".
E que terán que ver os Rolling con Rosalía?
E dinos, Andrea, que terán que ver Amanda con Ánxela (cal delas?)? Reparastes nas letras polas que comezan e rematan estes nomes? E, desta volta, cal é o segredo que gardan as Nubes de evolución?
Para os que aínda non lestes esta novela, e para os que aínda non a rematastes, gozade da lectura dunha obra da que, segundo o voso profesor Henrique Dacosta: "tematicamente podemos falar dun canto de esperanza á vida, pois Amanda tira partido da súa coraxe para arranxar contas co seu pasado e refacer a súa vida, á vez que a doutros" e onde "hai certos ecos do filme Amelie".
Agardamos que o vento te volva traer axiña, Andrea.
Gozade coas nubes de maio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario