viernes, mayo 31, 2013

ROBERTO VIDAL BOLAÑO E ROSALÍA DE CASTRO

Non podemos deixar rematar este mes sen falar de dúas figuras que foron as protagonistas de maio no noso centro: o homenaxeado no Día das Letras, Roberto Vidal Bolaño, e o punto de partida desa celebración, Rosalía de Castro, da que hogano se conmemora o 150 aniversario de Cantares Gallegos.

Roberto Vidal Bolaño foi un home dedicado en exclusividade ao teatro. Integrante do Grupo Abrente. Pai do teatro actual xunto con Manuel Lourenzo e Euloxio Ruibal. Autor dramaturgo comprometido coa súa terra e coa súa lingua quen, partindo sempre da realidade socio-política e cultural que lle tocou vivir (final da posguerra e comezo da democracia), busca construír unha obra de validez e calidade universais.
Roberto e Rosalía están unidos ademais pola obra de Bolaño, Agasallo de sombras, onde xa cuestiona a historia terxiversada que outrora nos contaron dunha Rosalía romantica, chorona e dependente da figura de seu home, Manuel Murguía.
En cuestión de técnicas asimilou todos os elementos teatrais da cultura popular galega e do teatro de vangarda, desde as celebracións de Entroido ata o máis sofisticado xogo do teatro dentro do teatro, chegando á integración na súa obra de todos os medios audiovisuais e técnicos da nosa época.
Por suposto, como en anos anteriores e en colaboración co departamento de Lingua e co EDLG do IES As Mariñas de Betanzos, elaborouse o correspondente boletín informativo da figura homenaxeada.
E de igual xeito que probablemente faría Vidal Bolaño, o EDLG xunto co departamento de Lingua e mais a biblioteca organizaron un acto onde se mesturou o cine (unha curtametraxe centrada no homenaxeado dirixida polo profesor de Lengua José Rodal e protagonizada por varias alumnas e alumnos; e unha curtametraxe baseada nun relato do profesor Henrique Dacosta e protagonizada polo alumnado de Radio); a dramatización (da vida de Rosalía por unhas Rosalías moi particulares); a recitación (de poemas rosalianos); a canción e a música (de poemas galegos). 
Sen dúbida un espectáculo que lle sería de agrado ao dramaturgo.
Gozade coa lectura.

No hay comentarios: