viernes, mayo 03, 2013

II FEIRA DO LIBRO SOLIDARIA. COMPARTINDO TROPA DE TRAPO.

Datos solidarios: 100 euros dos vosos petos son os que o IES de Catabois lle fixo chegar á Cociña Económica de Ferrol. 

Coas vosas pequenas compras de libros que alimentan o coñecemento contribuístes a que familias ferrolás poidan ter unha alimentación digna.

Parabéns para toda esa rapazada do CEIP Almirante Juan de Lángara e do CEIP de Pazos que quixo compartir connosco esta xornada e que ademais de participar na feira do libro, compartiron co noso alumnado unha sesión da Tropa de Trapo

Xenerosos tamén, Brais e Marta achegáronnos os contos do seu espectáculo A hora azul

Mais non eran só historias que eles recolleran, fusionábanas con música que proviñan de instrumentos tan exóticos como o laúde ou tan próximos como a guitarra portuguesa. E as notas musicais da voz de Marta aclopáronse perfectamente ás emitidas polas cordas que tensaba o Brais. E a súa partitura rebordou o noso corazón.

Escoitamos a Leila, a Sabela; relatos árabes, africanos, galegos. Descubrimos que non só a voz e os movementos son esenciais para sermos bos contadores, senón que a mirada é transcendental á hora de transmitir. Lembrade que dicía Brais ao comezo que o esencial para que haxa contadores é a existencia de quen sabe escoitar. E non esquezades como rematou Marta: díxonos que non só se pode viaxar a través dos contos, senón tamén a través dos libros. 

E como sabemos que o que vos gusta a vós son as imaxes, aí vai o venres en fotos. 



Esperamos que para o ano escoitedes outra vez a chamada solidaria desta feira.

Gozade coa lectura. 
 

No hay comentarios: