jueves, febrero 16, 2012

CLUB DE LECTURA DE ADULTOS



O martes 7 de febreiro reunímonos para falar de Ollos de auga, a primeira novela de Domingo Villar. Faltamos moitos á cita pero os que estabamos demos a benvida a Maricarmen, unha nova integrante do club. Esta era a primeira novela policíaca galega que limos no club, tanto de autoría como de ambientación e personaxes. Gustounos, aínda que tamén nos parecese un chisquiño tópico, o reflexo do que poderiamos chamar a personalidade galega no asombro de Estévez, o axudante zaragozano. Asombrámonos nós mesmos coa realidade da illa Toralla e comentamos as iniciativas cidadás que promoven o seu uso público; e visitamos virtualmente a taberna do Elixio, en pleno casco vello da cidade de Vigo. Non tardou en xurdir a comparación coa anterior obra policiaca que leramos (La ratonera, de Agatha Christie): observamos o cambio de ambiente, do perfil do investigador, dos personaxes, dos móviles do crime, etc. entre a novela policiaca clásica e a moderna; e falamos das diferencias con respecto á novela clasificada negra.
Concluímos que a súa lectura foi amena e algúns membros do club decidiron levar a segunda entrega de Leo Caldas, A praia dos afogados.

No hay comentarios: