martes, enero 18, 2011

LECTURAS PARA 3º DA E.S.O


Como sabedes o tema da nosa biblioteca deste ano é a novela detectivesca. Aquí tedes unha pequena selección de libros para que escollades (o libro de  Xosé Miranda é para aqueles que gusten de emocións un pouco máis fortes) Se tedes algunha proposta para engadir a esta lista, podedes deixar un comentario. Tamén podedes deixar comentarios sobre os libros que fostes lendo e así orientades os vosos compañeiros na escolla das lecturas.

Tres anos despois de ocorridos os feitos, un ex psiquiatra cóntanos unha experiencia estarrecedora coa súa primeira paciente. Imos coñecendo por el e mais pola voz narradora de Laura Novo a historia da aparición da Gran Besta, un ser monstruoso que habita nunha cova. Confírmase así a mitoloxía do lugar, que tan ben coñece un dos traballadores da casa de turismo rural na que se veu hospedar a protagonista. A vinganza pola intromisión nese territorio alleo tronza a nova vida que, coa tranquilidade do espazo idílico e a felicidade do reencontro cun vello amor, busca a noutrora xornalista crítica en Madrid.




Tareixa Louzao recibe un voluminoso sobre remitido polo seu irmán Xabier desde un, para ela, descoñecido lugar: Doroña, Vilarmaior. No seu interior inclúese unha carta e outro sobre máis pequeno coa solapa do peche reforzada por unha fita adhesiva. Na carta Xabier indícalle á súa irmá que non abra o sobre e que, se antes dunha semana non volve a recibir unha misiva súa, llo entregue ao inspector Soutullo, da comisaría de Vigo.
Pero Tareixa non pode resistir a tentación e abre o sobre...





   Esta novela conta cunha longa andadura na narrativa galega desde       que   en 1984 ganara o Premio Xerais para converterse na primeira novela negra nun sistema literario entón necesitado de textos de carácter popular.
A trama novelesca reúne elementos clásicos do relato de intriga asimilados á sociedade galega do último terzo do século XX. Un empresario da construción, millonario e mulleriego compulsivo, morre asasinado na noite compostelá. A investigación corre a cargo de Nivardo Castro, aventureiro internacional. Axiña se descobren os amores e adulterios protagonizados por dous antigos socios do negocio inmobiliario. 
Cando a prensa publicou a noticia do achado do corpo de Luciano J. Puga, moi pouca xente podería sospeitar das verdadeiras razóns daquela morte. Durante algún tempo, e antes de que a policía emitise algún xuízo, especulouse co suicidio. Só cando o informe do forense coñeceu a luz pública e os resultados da autopsia saíron publicados nos xornais comezou a estenderse a tese do crime e todas aquelas teorías que, dun día para outro, pareceran ter certo fundamento caeron polo seu propio peso.
A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos persoais. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e aos sobreentendidos dos galegos.

Tres disparos e dous friames. Que lector  galego non coñece xa a Frank Soutelo! Retranqueiro, un tanto cínico, co seu aquel fanfurriñeiro e a súa particular idea da xustiza. Nesta novela, terceira da serie, este detective volve meterse en leas nos máis escuros e depravados ambientes de Hollywood. Unha aspirante a actriz, moza e fermosa, un importante e respectado produtor de cinema que busca satisfacer os seus instintos e unha muller cobizosa que manté a ficción dun matrimonio perfecto son os vimbios cos que Miguel X. Fernández constrúe a historia.
Desde o primeiro día que puxo os pés na casa da praia comezaron a sucederlle dúas cousas que, aparentemente, parecían non estar relacionadas: empezou a proerlle, arderlle, a man esquerda e comezou a pensar compulsivamente en cambiar de lugar o pozo negro. Máis tarde notou que os dedos perderan sensibilidade e asombrouse da súa torpeza cando cavaba un foxo no Cemiterio das Pedras Brancas, onde atopará unha caixa dourada cunha man no seu interior. Xosé Miranda recolle neste volume algúns dos seus mellores relatos de medo e terror. A dexeneración dos corpos, as vellas tardicións naturistas, os labirintos do ocultismo... son algúns dos temas destes contos.
 




A trama xira arredor do asasinato do parlamentario do BNG Mario Dacosta ( militante da UPG) despois da reunión do Consello Nacional na que dimite o portavoz da formación frontista, Óscar Quiroga, tras o resultado electoral no que o bipartito perde as eleccións. Algúns personaxes desta historia son composicións ficticias elaboradas a partir de persoas reais moi presentes na actual axenda política galega.




No hay comentarios: