viernes, octubre 10, 2014

CLUB DE LECTURA XUVENIL 1º CICLO

Botamos a andar este novo curso 2014-2015 con moita "fame" de ler. Os rapaces, aínda co celme do verán no padal, vides cheos de enerxía e con moitas ganas de participar nesta festa do club de lectura.
Na primeira reunión de reencontro e de benvida aos novos festeiros, agasallámosvos cunhas "piruletras" con poemas ben larpeiros.

Entre lambetadas e versos fostes consolidando un grupo de dezaoito alumnos e alumnas para os que propoñemos comezar por un tema que parece moi doce, pero pode non selo tanto.

Xa que este ano temos como temática da biblioteca o mundo da gastronomía, queremos facervos ver de onde veñen os alimentos e de que xeito se elaboran, concretamente, nesta ocasión, o chocolate.
Na primeira sesión, por exemplo, proxectamos o vídeo "Sembrando cacao", onde se ve a diferenza entre os nenos que cultivan cacao e os que finalmente o consomen. Que diferenzas atopastes? Que rapazas e rapaces se ven máis felices?


Pasámosvos tamén información sobre a explotación infantil nas plantacións e as prácticas pouco lícitas de certas grandes multinacionais.
Queremos así achegarvos a unha realidade que atoparedes no primeiro libro que imos ler: La piel de la memoria, de Sierra i Fabra.
Jordi Sierra i Fabra é un autor a quen algúns xa coñecedes por libros como Contos e poemas para un mes calquera, que lemos o curso pasado. Desta volta levaranos ata Costa de Marfil...

Saboreade a lectura

No hay comentarios: