Así pois, a posta en valor do carácter lingüístico, social, antropolóxico, arqueolóxico, lendario..., alén de tantos outros que atesouran o noso patrimonio común galego-portugués, vuise de novo refrendado coa aposta de toda unha serie de centros educativos de Galiza e Portugal, mais tamén doutros países, ben máis afastados, da América do Sur (Colombia, Chile, Cuba). Porque coa idea de tender pontes, son cada vez máis as escolas dunha e doutra beira atlántica que mostran o seu interese en se querer dar a coñecer e, en consecuencia, se sumar ao proxecto.
Cando á participación do noso instituto, contarvos que arrancaba ela en 2006, ano en que faciamos un primeiro programa de radio que levaba por título "Ponte na crista... da onda!". Nel, e coa desculpa dun percorrido por Ferrol, iámonos detendo en aspectos diversos da vida laboral, social, antropolóxica... Deste xeito, desde o traballo dos estaleiros aos deportes de mar, desde a romaría de Chamorro ás lendas ligadas ao castro de Lobadiz ou da Compaña, resultaron ser o motivo da nosa narración oral.
En 2008, botabamos man outra volta dunha gravación radiofónica; por título, "A propósito da Batalla de Brión". Nesta ocasión, a narración resultaba ser de carácter monográfico. O desenvolvemento da famosa batalla acontecida no 25 de agosto de 1800, era o motivo central do noso relato, así como as explicacións dos seus antecedentes e posteriores consecuencias.
E por fin chegamos hoxe a este ano 2009. Apuntarmos, sen dúbida, a novidade de que o formato da nosa gravación veu experimentar un salto tanto cualitativo como cuantitativo. Porque, por primeira vez, atrevémonos a facer un vídeo. O seu título , "Navegando en barcas de pedra". O fío condutor, o Camiño de Santo André de Teixido. O repaso aos dous itinerarios principais desde Ferrol, un máis costeiro e outro máis interior. Así pois, novamente os elementos de carácter antropolóxico, lendario, arqueolóxico, ancestral voltaron a ser os principais argumentos do noso discurso, mais desta vez apoiado coa forza das imaxes. Voz, música e imaxes, tanto en movemento como estáticas, conformaron a nosa gravación. O punto de partida, o mito das barcas petrificadas, común el a tantas culturas atlánticas de Europa.
En resumo, pois, e como colofón á nosa breve historia trasfronteiriza, só nos resta por dicir que vos animedes a visitar a preciosa páxina web de "Ponte... nas ondas!". O interese de carácter xeral acerca do inmenso e importante traballo que a organización leva desenvolvendo ano tras ano, xa de por si paga a pena. Mais queremos tamén aproveitar a oportunidade de vos recomendar que vexades o vídeo da nosa participación como IES Catabois de Ferrol nesta XVª edición, fornecida a través da propia páxina web. Mesmo cabe a posibilidade de escoitardes a gravación do ano pasado!
Así pois, e desexando que sigades o noso consello, entrade xa sen demora en www.pontenasondas.org
Tan simple e por ser de xustiza... porque é de noso!
No hay comentarios:
Publicar un comentario