miércoles, abril 13, 2016

Club de Lectura "José Beceiro"

O pasado xoves 7 de abril celebramos na Biblioteca do noso centro a xuntanza do Club para falar da obra poética de Luz Pozo Garza. A obra que nos concernía era Códice Calixtino; non obstante, posto que algún dos membros levara un exemplar coas obras completas ou cunha antoloxía, falamos tamén da súa creación poética en xeral.
Á maior parte de nós sorprendeunos a dificultade á hora de adentrarmos nunha escrita tan culta, chea de referencias e símbolos nos seus versos. Vimos como esta autora estudou en profundidade a literatura galega e francesa; non en van se ten relacionado coa poesía francesa simbolista, con Rimbaud e Baudelaire. Procuramos as pegadas doutras culturas na súa poesía e atopamos rastros orientais e celtas.
Todas destacamos a profundidade das súas palabras e o hermetismo de determinados versos que puidemos comprender mellor á luz dos estudos que se teñen publicado sobre a súa vida e obra.

Para finalizar a sesión, limos en voz alta un poema, traducimos outro bilingüe galego- francés e vimos e escoitamos a propia autora en dous vídeos que a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) pon á disposición de todos na súa páxina web e que quedan enlazados para os nosos lectores.

No hay comentarios: