jueves, julio 01, 2010

PONTE... NAS ONDAS!

Caros amigos do blog de Catabois, aquí vos deixamos a pérola deste ano, coa que participamos na XVª edición de PONTE... NAS ONDAS! A ninguén, coidamos, pode deixar indiferente, xa que se trata da palabra dos nosos maiores. Así pois, e atendendo ao título co denominabamos o noso programa deste ano, XENTES DE PALABRA, vos deixamos. Trátase dun resumo do que nele podedes achar.

XENTES DE PALABRA

 Xa o dicía o poeta latino. A palabra escrita perdura, permanece, mentres a falada voa e, por tanto, desaparece.
A súa voz, a dos nosos maiores, é a voz da experiencia, a voz dun pasado, non tan afastado, por máis que por veces até nolo poida chegar a parecer. Porque o mundo muda a unha velocidade tan vertixinosa que o de onte é moi probábel que mañá nos poida semellar caduco. A tiranía das novas tecnoloxías abócanos a este espectacular avance, ás veces case temerario e tolo que case nin nos deixa pensar as cousas devagar, con xeito. Mais a memoria, á fin e ao cabo, é a fonte da nosa historia. Historia que tamén esta forxada non simplemente polos grandes fastos, nin polas grandes calamidades e guerras, e crises, e cambios de rumbo ou de goberno, ou de descubertas e inventos. Porque somos tamén, sen dúbida ningunha, aquilo que os nosos maiores  nos legaron, de maneira que socialmente lles pertencemos. Porque estamos feitos da mesma madeira.
Así pois, Fina, María, Aurora, Xosé e Xerardo quixeron ser hoxe e aquí artífices deste legado. E faláronnos. Faláronnos das festas e das romarías de onte, da escola de cando eran novos, das doenzas daquela e de certos males, do medo, dos xogos, ademáis doutros labores domésticos e agrícolas que hoxe están mecanizados. E é que a palabra escrita, como dícía  o poeta latino, permanece, mais tamén a gravada, neste caso en vídeo. Desde o instituto de Catabois, desde as terras de Ferrol, agardamos poidades gostar del.

A palabra gravada, as palabras que aquí fican ditas, permanecen. Permanecen, xa que logo, o que  nos contaron Fina, María, Aurora, Xosé e Xerardo, en formato dixital, legándonos deste xeito a historia. O que fomos, o que somos. Así pois, desde este cantiño do norte, desde a comarca de Ferrol, estas foron as súas palabras, palabras que nos falan de Meirás, de Esmelle, de Mandiá, palabras que nos falan de nós mesmos. Porque xentes somos, e de palabra.

No hay comentarios: