Aproveitamos tamén para comunicarvos que, como gañador da última edición do Premio de Narrativa Breve "Carballo Calero", Henrique recibirá o premio nun acto que terá lugar o día 19 de decembro no Centro "Torrente Ballester". Trátase dunha serie de narracións breves que leva por título Unha mada de doce relatos e que está a piques de dar a lume a editorial Laiovento.
ARGUMENTO DE "O PREZO DA TENTACIÓN":
Mauro é o protagonista da nosa historia. Fascínao o carácter do seu tío avó, comerciante en móbeis e antigüídades, que rexenta un negocio na cidade. A mai de Mauro, sobriña de Armando, mantén unha relación moi pouco cordial con este, debido a asuntos familiares que veñen de vello. De feito, o tío avó Armando, moitos anos atrás, fuxira para a Guinea Ecuatorial, daquela aínda colonia española. Mais ao pouco de se emancipar da metrópole, e os ventos sopraren enrarecidos, Armando volta á súa cidade natal por ver de endereitar a vida. Así pois, e froito das longas conversas mantidas entre ambos, sobriño-neto e tío avó, nacerá unha profunda e singular amizade que haberá de marcar, de aquí en diante, a personalidade do rapaz. Pasado o tempo, xa o tío avó Armando morrera, este converterase en profesor universitario. A vida parécelle sorrir, mais sempre nel prevalecerá un pouso de insatisfacción, que o obriga á procura de algo inconcreto que o poida facer feliz. O que herdara do seu tío avó fora ben exiguo, no entanto, e a raíz dun curioso azar, sobrevén algo fascinante, o que talvez traia o tan ansiado. A longa, tortuosa, así como vertixinosa viaxe que emprenderá a partir deste instante carece dun final, dun destino coñecido, mais non estará exenta de perigos. O vacío que o atenazaba até é posíbel que por fin desapareza, porque o que está á súa espera poida que veña a solucionar o seu descougo.
1 comentario:
Alegramosnos de ter un profesor con este nivelazo
e que esperamos que poñan o seu libro á nosa disposición para poder opinar sobre el
Publicar un comentario