lunes, octubre 30, 2023

Club de lectura de Bacharelato: antoloxía de relatos desacougantes

 No Club de lectura de Bacharelato celebramos o Samaín coa lectura dunha pequena escolma de relatos desacougantes realizada polas nosas coordinadoras. Foi un xeito diferente de coñecer a distintos autores que se ocuparon de reflectir sentimentos, cando menos, escuros, na súa narrativa: Roald Dahl, Rafael Dieste, Carlos Casares e Charlotte Perkins. Todos os libros dos que están extraídos os diferentes contos atópanse na biblioteca, de maneira que se trata dunha oportunidade perfecta para indagar máis neles despois desta primeira achega.

Quedamos tan aterrados despois da reunión que non lembramos facernos foto conxunta. No canto dela, deixámosvos coa nosa particular interpretación da morte do Bieito, de Rafael Dieste.
















viernes, octubre 20, 2023

Club de lectura xuvenil: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas

 No Club de lectura xuvenil, atopámonos mergullados no Vigo do século XIX, acompañando a Violeta, a súa avoa Melisa e o mismísimo Jules Verne nunha aventura na que atopamos natureza, ciencia, viaxes en barco e moita, moita fantasía. Soa ben, verdade?

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (galardoada co Premio Lazarillo de Creación Literaria, 2015 - Premio Fervenzas 2016 ao Mellor Libro de Literatura Xuvenil -Premio Fervenzas 2016 Mellor Capa de LIX - Premio Gala do Libro Galego (Infantil/Xuvenil), 2017 - Premio The Withe Ravens Internationale Jugend Bibliothek, 2017) é unha marabillosa novela de Ledicia Costas que está ocupando as primeiras reflexións do noso club de lectura, que arrinca con forza no curso 2023-2024 baixo a temática da biblioteca: a paisaxe.






viernes, octubre 13, 2023

Club de poesía: a poesía dos obxectos

 Estreamos este curso do Club de Poesía con vellos amigos, novas incorporacións e moita ilusión. E, ademais, iniciámolo cunha premisa: calquera obxecto pode ser un obxecto poético. A poesía consiste en ver as cousas doutra maneira, non si?

Por iso, a primeira escolma do curso consistiu nunha antoloxía da poesía dos obxectos, á que sumamos diferentes actividades de escritura que nos levaron a ver doutra maneira cousas tan insignificantes coma a boliña que roda dentro dun bolígrafo, unha botella de auga ou unha manta quentiña na que acocharse no sofá.